Hablamos con Guadi Galego, consolidada artista de la escena musical gallega que convierte la pasión que la mueve en auténtica belleza y dinamismo compositivo
Existen personas destinadas al florecimiento de la belleza, en todas sus formas, en una sociedad cada vez más desprovisto de su virtud primordial: la naturalidad. El arte de la belleza y la naturalidad conforman una simbiosis consustancial a nuestra condición de seres emocionales: disfrutamos y sentimos lo que es bonito por ser como es. Desde Cool Coruña, hemos tenido la oportunidad de entrevistar a Guadi Galego, compositora apasionada de sus raíces y la música como fragua de su enorme talento, un mundo interior que experimenta su catarsis demostrando toda su esencia en el escenario. De nuevo, es hora de abrir el telón. Comenzamos.
P: Para comezar, arrancamos coa pregunta clásica das nosas entrevistas, onde deixamos aos protagonistas que se definan a si mesmos. Quen é Guadi Galego?
R: Empezamos moi forte [risas]. Creo que son unha persoa que intento ser o menos incoherente posible aínda que me custa moito. Teño moitas contradicións, pero son unha persoa moi apaixonada. Creo que tamén son boa amiga, xenerosa, pero sobre todo moi apaixonada pola miña profesión. ¿Cousas negativas da miña persoa? Pois que moitas veces, levada pola paixón, déixome ir e lévome algún que outro chasco. Tamén me considero unha persoa bastante entregada e intento ser responsable.
P: Adentrándonos máis en Guadi Galego como artista, música e compositora, o teu último disco, “Roibén”, é un álbum moi persoal, reflexivo, onde abordas temas como a beleza, a sororidade e, dende unha perspectiva moi cativadora, está moi presente a figura materna. Polo menos, así o percibe o oínte. Pero, como creadora, ¿como definirías a esencia de “Roibén”?
R: En primeiro lugar, é un disco contraditorio de por si. Quero dicir que nace dunha estética diferente, desa electrónica analóxica que levo adiante con Iván Ferreiro, e que daquela non penso en facer un disco introducindo este tipo de sonido e concepto. En canto á temática, ten inspiración en moitas mulleres da miña vida. Non é a miña vida a que está en “Roibén”, senón que é unha reflexión que fago a través das vidas de mulleres que están na miña vida. Entón, é un disco que, por un lado, é moi claro, existe moita luz, pero tamén é moi escuro. Está no límite entre a densidade estética do disco e a densidade das cancións. Probablemente, é o meu disco máis arriscado, sen dúbida. Por iso, tamén é o meu disco menos escoitado, curiosamente, aínda que creo que é dos meus mellores discos. Quizás é o menos popular, por dicilo dalgunha maneira.
P: Se cadra pola súa sonoridade menos estándar.
R: Xa non é polo estándar, senón que é unha sonoridade arriscada de por si. Pero como eu tampouco son unha artista de moitos oíntes, e cada vez teño máis claro que son unha artista que onde medro é no directo, pois ao mellor a xente vén verme ao directo pero logo non me pon na casa. Penso que cada artista ten a súa función.
P: Mencionabas a incorporación da electrónica analóxica neste último álbum, aínda que a electrónica a tes implementado pouco a pouco ao longo da túa traxectoria como solista. Pero desde os teus inicios con Berrogüeto, grupo senlleiro do folk con elementos de música tradicional, ¿como pasas esa evolución ata introducir esa fusión con elementos electrónicos?
R: Teño claro que a miña evolución desde Berrogüeto é unha evolución bastante lóxica. En Berrogüeto sí que canto música tradicional, aínda que hai moi poucos temas de este tipo e todo o demais xa empeza a ser composición. Pero é música acústica, a banda tiña esta liña. Cando saio de Berrogüeto en 2007, quero facer as miñas cancións e falar das cousas que a min me preocupan e escribir dende unha óptica máis persoal. E iso foime levando a facer música de autora, que é o que veño facendo desde sempre. ¿Como facelo? Pois con diferentes estéticas. A min gústame investigar, gústame moito a música, escoito música moi distinta, pero iso non significa que despois deste disco, que ten unha base absolutamente electrónica, aínda que hai cousas que non o son, non pase a facer un disco puramente acústico. A miña base son as cancións, e o plano estético onde as levo depende do momento. Pero eu son cancionista, fago cancións.
P: Outra pregunta que adoito facer a músicos e cantautores, sobre todo. Na actual escena musical, quizais demasiado superficial, con letras explícitas, moi directas, pouco metafóricas, ¿a aposta de música de cantautor é arriscada?
R: Creo que a música de autor é sempre unha aposta arriscada. Dende o momento en que te expós e estás contando como ves o mundo, sexa a través de ti ou a través doutros ollos, a min xa me parece arriscado. Comprometerse a través das cancións coa sociedade ou coas persoas, ou incluso co teu corazón e expoñerte, sempre me parece arriscado. A nivel comercial, tamén [risas]. Pero iso xa é outra película. Facer música de autor é sempre arriscado porque tampouco hai nada máis sincero que iso, facer cancións sobre como ves o mundo. Paréceme super necesario para calquera país que existan autores e autoras que escriban sobre esas cousas. Dicir que é arriscado tamén depende do que cada un espere da música e desta profesión. Se medimos a profesión en termos de números, pois si, é arriscado.
P: En calquera ámbito artístico, esta profesión sempre é arriscada en termos económicos. Se non se fai música super comercial, non se ten nada asegurado, en realidade.
R: É que tampouco creo que teña moito que ver. Aparte de que se pode facer unha música super comercial, moi vendible, que é perfecto, creo que estamos nunha película que non ten nada que ver con iso. Hai un negocio implícito, unha exposición persoal, algo que te leva máis alá. O triunfo non está en compoñer cancións mellores que outro, porque depende para quen sexan mellores. Hai moitas persoas que escriben cancións incribles e que ninguén as escoita, ou moi pouca xente o fai.
P: Eres unha das grandes referencias da escena musical galega, con moitos recoñecementos e galardóns, como a túa nominación aos Grammy latinos en 2002 por “Hepta”. ¿Como ves a situación actual da música en lingua galega? ¿Cres que está definitivamente normalizado o uso do galego na música?
R: Creo que estamos pasando por un momento de moda [risas]. Empeza a poñerse un pouco de moda o que é a música galega ou cantar en galego. Temos que darlles as grazas, neste momento, ás Tanxugueiras, por dicilo dalgunha maneira: para que algo se poña de moda ten que haber un clic. Ten que haber un clic social, que a xente diga «ostras, isto que acaba de chegar a tanta xente, incluso de fóra de aquí»… É terrible, con todo, que teña que vir a xente de fóra a dicir que isto que temos aquí mola, e así dar o pelotazo. As Tanxugueiras xa molaban antes. Poñerse de moda porque sexan os de fóra os que nos poñen de moda, iso non mola. O que hai que facer é constatar que a escena galega é forte e diversa, onde podemos atopar moitas cousas que nos enchen, as diferentes estéticas, as diferentes mensaxes.., e que molan. Que son de aquí, que teñen calidade e que hai suficiente variedade para moitos públicos distintos.
P: Como compositora, á hora de crear unha canción, ¿cal é a clave para acadar esa beleza que consigues en cada tema? ¿Está máis en relación co trasfondo temático, ou depende de aspectos máis técnicos, como as letras ou a musicalidade?
R: Creo que ten que haber un equilibrio. Cando unha canción é boa, é porque está ben equilibrada. Hai xente que é moi boa escribindo letras, que ten cancións que flipas coas súas letras; as miñas, en cambio, penso, que son normais, pero considérome boa melodista. O que pasa é que decidín escribir sobre o que a min me chegaba, e hai xente que conectou. Por iso, non sabes nunca cal é a clave. Creo que é, máis ben, un equilibrio. Moitas veces, non é tanto que unha canción estea moi ben feita, senón que sexa moi de verdade. Pero sí é moi importante equilibrar a letra coa melodía, o que queres dicir, como o queres dicir, e tamén como a cantas, como a interpretas, de que maneira comunicas o que queres dicir. Ás veces, hai xente que non ten unha voz excepcional, pero interpreta con tanta sinceridade que a canción te chega. Iso é moi importante.
P: Entón, ¿crees que moita xente, sobre todo cando empeza a saír coas súas cancións, descuida a escenificación e a interpretación, algo que pode ser moi importante para conseguir chegar ao público?
R: Depende. Agora mesmo, a xente está demasiado centrada no plano estético, visual, moi pendente de que todo estea perfecto e vistoso. Creo que cada artista necesita unha maneira de visualizar a súa música. Ao mellor tes un artista que non se move nada, que está sentado nunha cadeira todo o tempo pero que che di moito máis que outro que se está movendo por todo o escenario, ou acompañándose de oito músicos de banda que tocan super ben. Depende moito tamén do que cada un queira exponer.
P: ¿Como se consigue deseñar un proxecto minucioso, cheo de detalles de calidade, que exixe atención ao escoitalo, para ofrecelo a un público que está afeito á inmediatez das cancións de tres minutos, e que está en constante impacto por efecto das redes sociais?
R: Non hai que tentar dirixirse a un público masivo, senón a un público que realmente queira escoitar o que lle queres contar, ou ler o que lle queres narrar, ou ver o que lle queres transmitir en imaxes. No meu caso, e cando xa teño 50 anos, non me vou dirixir a un público menor de 30, aínda que non é a primeira vez que me sorprende ver a xente moi nova nos meus concertos. Creo que hai un público da música, e un público casual. É dicir, hai xente á que lle gusta a música, escoitar música e ir ver música. E hai outra xente que é casual, que pasaba por alí, ou lle falaron de ti, e por iso vai ver o espectáculo. Eu son consumidora de música, é dicir, a min gústame ir a concertos, escoitar discos, e en cambio, a outra xente lle gusta un grupo, ou unha canción dun grupo. Creo que cando vendes un álbum, vendes para o consumidor de música, para o que quere escoitar o que lle queres contar e como llo contas. Por iso, as tiraxes van dirixidas a ese pequeno público que queira ver un pouco máis fondo, que busque ese valor na música.
P: Para terminar, agora que vas completar esta xira por teatros co teu álbum “Roibén”, e despois de sacar dous sinxelos, supoño que xa estarás a darlle voltas aos teus seguintes pasos. Que proxectos tes en mente que queiras compartir cos nosos lectores?
R: Vou con esta xira “Síntese Horizonte” para o exterior, no verán, con algunha adaptación. O que mencionabas antes son dous capítulos distintos con dous sinxelos cada un. Un chámase O mar e outro Amor, e ahí hai catro temas novos. Sí estou facendo temas novos, pero non teño claro se vou sacar un disco ou se vou seguir sacando pezas así, cousas pequenas que me fagan feliz. Ultimamente, teño como obxectivo facer cancións que me apetezan, coa estética que me dea a gana, é dicir, se me apetece electrónica, facer electrónica, se me apetece acústica, pois facer acústica, se me apetece a capela, pois a capela [risas]. Despois, eu son unha artista de directo, e ao mellor no directo levo isto a outro mundo. Síntome moi libre para facer o que me dea a gana e como me dea a gana, e iso ten certos riscos, pero o asumo sen problema. Penso sempre así: ir facer sempre o que sinto que quero facer.